Actualidad

Un ilusionista, nun equipo ilusionado, nunha catequese ilusionante

… E rássss!!! Alí estaban os aros, todos xuntiños como por encantamento. Os catequistas aplaudían entre divertidos e asombrados sen deixar de preguntarse, “e como o fixo?”. Xosé Manuel sorría, con pícara inocencia, coma se el non fora responsable de argallar aquel milagre.

Os Secretariados de Catequese de Galicia nacen para promover a renovación catequética impulsada polo Concilio Vaticano II e Concilio Pastoral de Galicia. O arranque deste equipo de traballo sitúase na “Semana de Panxón” do ano 1975.

Xoán Andión, nun escrito do 1993, rememoraba así aqueles inicios: A falta de materiais actualizados forzou a publicación das primeiras carpetas elaboradas, nunha ignorada semana, ao calor dun nada turístico verán de Panxón. O recordado Manolo Cillero, Eladio Vega, Xosé Antón Iglesias e eu mesmo, dificilmente esqueceremos aquela experiencia que daba forma e consistencia a unha inicial colaboración interdiocesana que aínda hoxe, felizmente, pervive.

A morte do “recordado Manolo Cillero” no 1984 acaba por ser a circunstancia que leva a Xosé Manuel a integrarse no equipo dos Secretariados de Catequese. El mesmo lembraba eses feitos: Non moito tempo despois de deixarnos Manolo, pediume D. Uxío García Amor, á sazón administrador diocesano, se estaba disposto a aceptar a función de Delegado de Catequese que quedara baleira pola morte de Manolo. Eu era ben consciente de que non tiña capacidade nin formación nin posibilidades de dedicación para encher ese baleiro; pero, doutra banda, non podía dicirlle que non a D. Uxío.

Así e todo, tampouco quixen ser un temerario e antes de aceptar consultei con Manolo Mariño, que xa descansa tamén en paz, Delegado daquela de Catequese de Lugo e membro do Equipo dos Secretariados de Catequese de Galicia. Mariño animoume moito e díxome que sería recibido cos brazos abertos polos outros membros dese Equipo, Luís Otero, Juan Andión e Paco Enríquez. Aceptei e… ¡así foi! ¡Nunca a obriga lles pago! E coido que a nosa diocese tamén ten con eles unha débeda de gratitude; porque gracias a eles que tocaban pola partitura, pois todos son especialistas, notouse menos que eu, que só tocaba de oído, non afinaba coa finura necesaria.

Xosé Manuel Carballo entrou a formar dos Secretariados no ano 1985. Desde o primeiro momento a súa inserción no equipo foi plena e o seu compromiso coa catequese total. Na orde práctica fixo de todo, e todo ben. Escribiu, traduciu e corrixiu textos; montou escenografías, actuou, representou, foi voz e rostro dun bo feixe de personaxes; procurou subvencións, promoveu edicións e remexeu Roma con Santiago para levar adiante mil proxectos; fíxose presente aquí e acolá, e nunca fallou á chamada dun amigo.

Pero Xosé Manuel tamén enriqueceu o Equipo coas súas propias vivencias moi de párroco consagrado a servir unhas comunidades rurais, de mestre entregado á docencia, de crente que sabe de enfermidade e sufrimento, de galego da Terra Chá que reivindica con orgullo o seu, de ilusionista disposto a compartir as ganas de soñar e o gozo de vivir, de amigo cordial e sen fisuras… E no transfondo de todo, o humor. Xosé Manuel é humor. Dicía D. Celestino Fernández de la Vega en «O segredo do humor»: desde Cervantes ata os nosos días os mellores, case os únicos humoristas verdadeiros da literatura peninsular, son galegos. Libro de tanta sona e autor tan sabio non se poden enganar. Xosé Manuel forma parte desa constelación gloriosa que nos fai rir e sorrir, que nos axudan a ver o mundo con ollos distintos. Os que temos a fortuna de poder chamalo amigo sabemos da súa ironía intelixente, da réplica aguda, da palabra enxeñosa. A chispa está no seu corazón, nos seus ollos e na súa boca, disposta a rescatar da tristura a quen o precise, pero tamén a aguilloar a quen o mereza.

O humor, o ilusionismo, a maxia e o teatro foron das grandes achegas de Xosé Manuel ao equipo dos Secretariados, e sobre todo ás Asembleas e Xuntanzas de Catequistas. Estes encontros naceron en 1980, e foron canle axeitada para que, un ano tras outro, nas cinco dioceses de Galicia se conseguira reunir a milleiros de catequistas para fomentar a amizade, intercambiar experiencias, reflexionar sobre distintos temas e celebrar a fe.

As Asembleas e Xuntanzas de Catequistas de Galicia non serían as mesmas sen a presenza entusiasta de Xosé Manuel; sen a súa creatividade, o seu humor contaxioso e o seu compromiso decidido. O equipo dos Secretariados de Catequese de Galicia e os seus materiais non serían o mesmo sen Xosé Manuel. E os seus amigos non seriamos os mesmos sen Xosé Manuel.

                                                                                                  Equipo de Catequesis de Galicia, en «Cerna de Carballo:                                                                                                                           Xosé Manuel Carballo Ferreiro visto por 200 amigas e amigos», Irmandade Manuel María y Xermolos, Lugo 2015, 423 pgs.

Publicaciones relacionadas

Botón volver arriba