O vindeiro sábado 25 de maio a parroquia de Santa María do Porto de Marín acollerá a presentación do disco do coro do Colexio San Narciso “Timbre de Recreo”.

Este primeiro cd que leva o título de “Óyeme” é un disco de cancións relixiosas de música pop-rock para tódolos públicos que pretende ser un sopro de aire fresco para o seu uso en colexios, parroquias, grupos relixiosos, etc.

A música e maila letra correron a cargo de C.G. e Victoria Avendaño, xunto con pequenas colaboracións de Marián Dopazo.

Tódalas cancións son inéditas agás dúas (Milagrosa de H.C. Sor Trini Segura e La puerta abierta de Jim Towhy), que se incluiron no disco por mor da mellora substancial ideada por C.G. á música orixinal.

Pódense escoitar cancións como Luz, Días de resurrección, Tempo de amar, Óyeme ou San Vicente, o actual himno do noso Colexio. Todas elas teñen a forza musical e vocal necesaria para atraer aos ointes e emocionalos.

A producción íntegra é de Carlos Gandón, que realizou todo o traballo de gravación, producción e posproducción no colexio cunha unha unidade móvil.

A historia deste coro comeza alá polo curso 2014/2015, así nolo relata Marián Dopazo, mestra do San Narciso, catequista da parroquia e alma mater do proxecto: “O noso colexio, ao ser vicenciano, ofrecía a posibilidade de pertencer a JMV (Juventudes Marianas Vicencianas) aos cativos dende 4º de primaria ata 4º da ESO. Como cada ano andabamos máis frouxos para engrosar as nosas listas de “jumavitas” ocorréusenos ofrecerlles a posibilidade de participar nunha actividade nova para eles: un coro.

Comezamos a ensaiar un pouco nos recreos (de aí o nome “Timbre de recreo”) e pouco a pouco afianzouse entre as nenas participantes unha amizade e compañeirismo dignos de eloxio.

Ese Nadal debutamos para o festival organizado por Escolas Católicas co tema inédito Durme neno. O éxito foi total. Demos a nota cunha fermosa canción de berce que transportaba ao público a un pesebre onde unha nai cativa e amorosa arrolaba nos seus cansos brazos ao Fillo de Deus.

Seguimos a nosa andaina polos festivais da Canción Misioneira que celebraba cada ano OMP (Obras Misionales Pontificias). Enchemos o noso repertorio con temas, sempre inéditos, tan distintos que metiamos no peto decontado ao público presente.

Deste xeito, con panxoliñas interpretadas en galego e castelán, e con outro tipo de cancións de corte sempre relixioso foise deseñando o que arestora presentamos como o noso primeiro traballo.

Desexamos que todas aquelas persoas que o escoiten poidan gozalo tanto como as nosas nenas e nós mesmas o fixemos ao cantalo.

Agardámosvos o vindeiro sábado 25 de maio ás 20.30h no Templo Novo de Marín”.

(Tomado de Pastoral Santiago)